luns, 23 de febreiro de 2026

DÍA DE ROSALÍA

 Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía de Castro, o alumnado de 5º e 6º de primaria tivo a oportunidade de asistir a unha interesante charla impartida pola escritora Celia Díaz Núñez, celebrada na Casa de Cultura e organizada polo servizo de normalización lingüística do concello.

Durante o encontro, a autora achegou ao público á vida e á obra de Rosalía, destacando o seu papel fundamental na literatura galega e a relevancia da súa figura máis alá das nosas fronteiras. Ademais, afondou na proxección internacional de Rosalía e na vixencia do seu legado na actualidade.
Agradecemos a Celia Díaz Núñez a súa participación e a súa valiosa contribución para seguir difundindo a nosa cultura e literatura entre o alumnado.



venres, 20 de febreiro de 2026

DÍA DA PAZ

 A pesar de que a choiva non nos permitiu celebrar a carreira solidaria no Día da Paz, finalmente puidemos levala a cabo con moita ilusión e participación.

Todo o alumnado e o profesorado do centro uníronse nesta actividade solidaria para colaborar coa ONG Save the Children, demostrando unha vez máis o noso compromiso cos valores de solidariedade, esforzo e convivencia.
Grazas a todas as familias pola súa colaboración e apoio, e parabéns a todo o alumnado pola súa implicación. Xuntos demostramos que cada pequeno paso conta para construír un mundo mellor.







sábado, 14 de febreiro de 2026

ENTROIDO QUIROGUÉS

Unha vez máis témoslle que agradecer a súa colaboración a Ramón Vila Anca, sempre incansable na defensa e na divulgación do noso patrimonio. Desta vez axudándonos a conectar aos máis cativos cos entroidos perdidos do noso concello.

Nestas xornadas o alumnado aprendeu sobre as tradicións das parroquias da Enciñeira, Bendilló, Os Novais, O Castelo e Quiroga. Ben seguro que houbo moitas máis tradicións nas nosas aldeas das que ata nós chegaron desta vez.

Seguiremos investigando...

Infinitas gracias á familia Vidal que nos cedeu un dos touros orixinais que se conservan, ás xentes da aldea de Bendilló e a Xe e a Ana que compartiron as súas lembranzas directas e indirectas para que puideramos entender a importancia que tiñan estes días de festa.

Viva o entroido! 










venres, 30 de xaneiro de 2026

PREAPARANDO O ENTROIDO


 


CHARLA ASOCIACIÓN ARELAS

 O noso centro tivo o privilexio de recibir a Cristina Palacios, educadora da Asociación ARELAS.

Impartiu unha charla sobre diversidade afectivo-sexual e familiar, igualdade de oportunidades e de prevención do acoso LGTBIfóbico dirixida ao alumnado de 5º-6º de primaria e obradoiros para o resto do alumnado de primaria sobre diversidade afectivo-sexual e familiar e Igualdade de oportunidades.




venres, 9 de xaneiro de 2026

EDUCACIÓN AMBIENTAL CON ANXO MOURE

 Sempre estamos encantados de recibir a Anxo Moure que veu pasar esta xornada coa cativada de infantil. Este venres ficaron abraiados e abraiadas e por uns intres entraron no máxico mundo do Contacontos entre relatos, ecoloxía e tolerancia. Grazas ao proxecto “Un mundo mellor para as nosas crianzas” de FADAS Lugo, subvencionado pola Deputación de Lugo e a Papaventos Educación Ambiental.