luns, 28 de outubro de 2024

ANIMACIÓN Á LECTURA CON SABELA GAGO

Esta mañá todo o alumnado do colexio desfrutou na biblioteca da actuación da contacontos Sabela Gago.

Sabela reside en Ourense onde compaxina a súa actividade como actriz e docente teatral na compañía Sarabela Teatro, co traballo de dinamización á lectura en Concellos, Cefores, Bibliotecas e Centros educativos de Galicia.

Foi unha actuación que gustou moito aos nosos nenos e nenas que pasaron unha xornada moi divertida.

Podedes ver as fotos premendo na imaxe:



VISITA AO MUSEO ETNOGRÁFICO DE 5º E 6º de EP

Na mañá do pasado venres, día 25 de outubro, o alumnado de 5° e 6° de primaria realizou unha visita ao Museo Etnográfico de Quiroga. Esta visita enmárcase dentro das actividades programadas neste curso para afondar no coñecemento da artesanía do noso territorio. O alumnado puido observar utensilios propios desta zona que foron empregados para os labores do campo e para diferentes oficios hai anos polos nosos antegos e que, na actualidade, practicamente quedaron en desuso. Cada unha das seccións (a cultura do viño, a lareira, a aldea, a madeira,...) foi explicada pola guía do museo, Mari Carmen, e o alumnado participou facendo preguntas e escoitando relatos dos quefaceres diarios doutros tempos.

Con esta saída, xunto con outras actividades, pretendemos poñer en valor o noso pasado, o noso territorio, os nosos oficios, as nosas xentes. En definitiva, as nosas raíces.

Podedes ver as fotos da visita premendo na imaxe:



xoves, 24 de outubro de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS. FORMACIÓN DE USUARIOS

 Hoxe conmemórase o Día das Bibliotecas. No colexio foi unha xornada de formación de usuarios na que participou todo o alumnado do centro. Proxectouse un vídeo onde nenos e nenas do colexio explicaban que é unha biblioteca, as normas de uso da mesma, como é o proceso de préstamo e como está distribuida a nosa biblioteca en varias seccións. O alumnado de quinto e sexto que participa no programa de voluntariado terá un importante papel no funcionamento da mesma.





mércores, 23 de outubro de 2024

HISTORIA E TRADICIÓN DO SAMAÍN

 Este ano o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Biblioteca do noso CEIP uníronse para propoñervos pasar un rato en familia descubrindo a historia e a tradición do Samaín a través deste genially onde podedes atopar vídeos, música e xogos. Agardamos que vos guste!

ENLACE

luns, 21 de outubro de 2024

ACTIVIDADE DE IGUALDADE: ESPAZOS COHABITADOS

Durante este mes tivemos a visita de Branca de Outonía coa súa “Incubadora de espazos cohabitados”. Mediante esta actividade subvencionada pola ANPA todo o alumnado do centro recibiu obradoiros sobre igualdade e diversidade, afondando no concepto de corpo-territorio como inicio da relación das crianzas consigo mesmas e coa contorna.






sábado, 12 de outubro de 2024

PROXECTO "ME GUSTA MI RÍO"

Durante todo este curso o alumnado de quinto e sexto de primaria participará no proxecto “Me gusta mi río”. Trátase dun proxecto de educación ambiental impulsado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para ensinar aos rapaces e rapazas a valorar e cuidar os ríos. Onte tivo lugar a presentación do Proxecto no colexio por parte dun representante da Confederación hidrográfica e dous biólogos, Manuel e Teresa, que formarán parte do equipo que levará a cabo as actividades. O noso traballo de campo será no río Quiroga.







venres, 11 de outubro de 2024

PROMOCIÓN DA IGUALDADE ENTRE HOMES E MULLERES

Na segunda semana de outubro, durante tres días tieveron lugar as actividades destinadas a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres. Estes obradoiros foron conseguidos pola ANPA a través dunha subvención destinada a tal fin. Foron Impartidos pola empresa Outonía.







martes, 8 de outubro de 2024

CURSO 2024-2025. NOVO PDI: ARTE-SAN

 Comezamos un novo curso impulsando un novo proxecto dende a biblioteca: ARTE-SAN. O centro de interese será a artesanía da Ribeira Sacra.

A artesanía é a capacidade que temos os seres humáns para producir obxectos coas mans ou con máquinas e utensilios moi sinxelos.

 Investigaremos, estudaremos e valoraremos o labor dos nosos artesáns e artesás. 




mércores, 2 de outubro de 2024

PLAN DIRECTOR: CHARLAS SOBRE IGUALDADE E ACOSO ESCOLAR

Hoxe, día 2 de outubro, pola mañá o alumnado de 5° e 6° de primaria tivo a oportunidade de asistir a dúas charlas: unha sobre acoso escolar e otra sobre igualdade. Ambas as dúas forman parte do Plan Director da Garda Civil para a mellora da convivencia e da seguridades nos centros educativos. Foron impartidas por Héctor Méndez, psicólogo da Garda Civil, que mediante a súa amena intervención, fixo que o alumnado estivese moi atento e participativo nas situacións que plantexaba.
Queremos darlle as grazas por informarnos e formarnos nestes temas de tanta importancia.