Amosando publicacións coa etiqueta ARTE-SAN. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ARTE-SAN. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de maio de 2025

OBRADOIRO DE INSTRUMENTOS MUSICAIS

Hoxe visitounos na biblioteca, Xabier, da Fundación Legar, para elaborar, xunto ao alumnado de quinto e sexto de primaria, diferentes instrumentos elaborados con elementos da natureza. Foi unha interesantísima e creativa actividade. Encadrámola dentro do noso proxecto de centro “Un territorio Arte-san”.






martes, 13 de maio de 2025

OBRADOIRO DE IMPRENTA CREATIVA

 Hoxe recibimos na nosa biblio unha visita moi especial. Acompañáronnos Cristina e Jean Batiste coa súa "Imprenta Ambulante ou Alouette Machine". Foi unha experiencia única poder realizar un xornal ou cartelería como se facía antigamente nas imprentas, empregando todo o material orixinal que traían con eles. Marabillados quedamos, coma sempre, da creatividade do noso alumnado que elaboraron o " Xornal de Quiroga" con noticias en galego. Ollade!







luns, 7 de abril de 2025

VISITA Á RECTORAL DE GUNDIVÓS

O pasado venres o alumnado do primeiro ciclo visitou a Reitoral de Gundivós, onde Elias lles ensinou o proceso de elaboración artesanal da olaría da zona. Foi unha actividade moi interesante na que o alumnado quedou marabillado de ver como o alfareiro elaboraba as pezas no seu torno.








martes, 1 de abril de 2025

VISITA AO CIMAR EN SAN CLODIO (CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MINERÍA AURÍFERA ROMANA)

O alumnado de segundo ciclo visitou o CIMAR de San Clodio o xoves, día 27.
Explicáronlles distintos tipos de extracción do ouro e como está se levou a cabo na contorna, deixando pegada na paisaxe que coñecemos hoxe en día.
Púxose en valor o Xeoparque Montañas do Courel expoñendo algunhas das súas características que o fan singular.
Por último desfrutaron dun pequeno vídeo musicado que xuntaba varios dos paraxes máis fermosos do xeoparque.




martes, 25 de marzo de 2025

TRABALLANDO COA CORTADORA LÁSER. POLOS CREATIVOS

Estreamos a nosa cortadora láser por todo o alto! Para iso, o alumnado de cada aula, elaborou un debuxo relacionado co noso proxecto “Territorio Arte-San” sobre unha lámina de madeira. Posteriormente, introducímolo na cortadora e convertemos cada debuxo nun quebracabezas. Agora só queda poñernos mans á obra para montalos.



xoves, 20 de marzo de 2025

O MURO DAS VERBAS

Comezamos xa a montar o noso “Muro das verbas”, unha das actividades coas que promovemos o uso da lingua galega na nosa comunidade educativa. Nela o alumnado, coa axuda das familias, aporta verbas na nosa lingua mensualmente para completar un recuncho do noso centro. Se o curso pasado estas verbas eran de carácter xeral, este ano pretendemos centralas no tema sobre o que xira o noso PDI “Territorio Arte-San”. Esperamos as vosas!









VISITA A ALLARIZ

Na mañá do luns, día 17 de marzo, o alumnado de 5° e 6° de primaria trasladouse á vila ourensá de Allariz para visitar os seus museos : o do xoguete, o da moda e o do coiro. Todos eles resultaron moi interesantes para o alumnado. Salientar o museo do coiro, onde a nosa guía, Vanesa, describiu o laborioso e duro proceso do curtido das peles. Consistía nun proceso totalmente artesán, que se ensambla perfectamente co proxecto documental deste curso do noso centro.
Foi unha boa experiencia!
Premer na imaxe para ver as fotos:


martes, 18 de marzo de 2025

VISITA A MEL RURAL

Hoxe o alumnado de infantil visitou as instalacións de Mel Rural en Quiroga.
Nesta visita o alumnado observou unha colmea coas abellas, os panais, a cera, o pole, as máquinas que se empregan para a extracción do mel e finalmente degustou este rico produto.
Para rematar, agasalláronnos cuns caramelos feitos con mel.







sábado, 8 de marzo de 2025

8 DE MARZO: FÍOS DE MULLER

Ensinámosvos o proceso destes días de bordado. Actividade que está sendo moi significativa para todos e todas. Proximamente no noso cole “ FÍOS DE MULLER”

Todo o alumnado do colexio bordou palabras suxerentes do Día da Muller.


venres, 28 de febreiro de 2025

ENTROIDO: UN TERRITORIO ARTE-SAN

Un ano mais celebramos o Entroido desfilando pola Rúa Real. Como sempre, o centro do interese foi o noso territorio. O noso proxecto de centro este curso é “Un territorio arte-san”; así, os nenos e nenas de infantil puxeron en valor o mel; os de primeiro ciclo, as castañas; os de segundo ciclo, o viño; e os de terceiro ciclo, a artesanía da oliveira. Un gran número de familias acompañáronnos no percorrido, ás que agradecemos compartir esta actividade con nós. Queremos agradecer tamén ao concello as facilidades e a axuda que nos prestaron para poder levar a cabo este desfile, e ao noso conserxe Ramón que se encargou da parte musical.

Podedes ver as fotos premendo na imaxe:


venres, 14 de febreiro de 2025

VISITA AO ECOMUSEO PAZO DE ARXERIZ

O mércores, día 12 de febreiro, o alumnado de 2° ciclo foi de excursión ao Ecomuseo Pazo de Arxeriz no concello de O Saviñao.
Alí puideron ver as antigas barcas de paso, que se utilizaban antigamente na zona da Ribeira Sacra para cruzar o río, xa fose por traballo ou para visitar outros veciños.
Dentro dos oficios tradicionais, e con relación directa co PDI do centro, Territorio Artesán, indagaron sobre a pesca e a viticultura. Dende a observación das ferramentas tradicionais e a fusión dos habitantes co seu territorio.
Por último e xa no exterior, visitaron a recreación dun castro e logo os restos do castro orixinal. A encargada da visita explicou os modos de vida dos castrexos e comparándoos co noso modo de vida actual, reflexionando nos cambios ao longo do tempo.
En resumo, foi unha divertida e entretida xornada nun fermoso entorno.










martes, 11 de febreiro de 2025

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Hoxe o alumnado de 6° de primaria do CEIP de Quiroga tivo a oportunidade de realizar unha saída á aldea de Seceda. Alí, xunto co alumnado do CEIP de Ribas de Sil, CPI Uxío Novoneyra de Courel e IES de Quiroga, levaron a cabo varios obradoiros para coñecer mellor o Xeoparque Montañas do Courel. As actividades desenvolvéronse en torno ás rochas, ás construcións en pedra, aos fósiles, á orixe das montañas, ... A observación, a manipulación, a experimentación, a recollida de datos,... foron o eixe de cada un dos obradoiros.
Rematados estes, xuntáronse todos os grupos para o xantar ofrecido polos organizadores da actividade.
Unha xornada moi proveitosa na que o alumnado puido profundizar no coñecemento da contorna ao mesmo tempo que foi unha boa maneira de celebrar o día da Muller e da Nena na Ciencia.
Preme na imaxe para ver as fotos:



venres, 20 de decembro de 2024

CANTIGAS DE REIS

O Equipo de Biblioteca xunto co equipo de Dinamización da Lingua Galega propuxeron a recompilación de Cantigas de Reis propias da zona de Quiroga que, sobre todo, os máis maiores coñecen e que consideramos como unha gran riqueza cultural.

Por isto, os nenos e as nenas fixeron unha magnífica recompilación das cantigas tradicionais de reis, as cales podedes escoitar no vídeo que aquí vos compartimos.

Grazas a todos e a todas pola vosa participación e implicación!!




mércores, 20 de novembro de 2024

FOTOGRAFÍA E LUZ


 Obradoiro de luz e fotografía coa cámara réflex. Aproveitando as cousiñas de outono que recollemos arredor do cole, elaboramos murais moi creativos e vimos como a luz se comportaba ante eles. Iniciamos deste xeito, días de moitas aprendizaxes sobre a luz e tamén nos iniciamos no manexo da cámara. 







Co resultado fixemos unha exposición.










luns, 18 de novembro de 2024

ACTIVIDADE DE EXPRESIÓN ESCRITA: SAMAÍN

 No Samaín, ademais de encher o colexio de caldeiros de meigas arripiantes, a biblioteca organizou un certame de creación literaria, onde o alumnado de primaria, a partir dun dado con lugares e materiais do Xeoparque, tiña que crear conxuros de bruxas.  Aquí tedes o terroríficos que quedaron.