luns, 30 de marzo de 2026
venres, 27 de marzo de 2026
XEOMIRADOIROS E CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO RÍO SIL
O pasado martes o alumnado de segundo ciclo disfrutou do bo tempo nunha xornada onde visitaron algúns dos xeomiradoiros do Concello de Ribas de Sil. Alí, acompañados de Roi Sampedro, descubriron a mirar máis aló da paisaxe a través da orografía, os asentamentos humanos e o curso dos ríos.
martes, 24 de marzo de 2026
DÍA DA POESÍA
Para finalizar o trimestre celebramos o Día da Poesía lendo algún dos poemas sobre temática ambiental e paisaxe premiados no noso concurso escolar “Un xeoparque en verde”. Aquí quedan algunha das imaxes dese evento.
luns, 9 de marzo de 2026
XORNADA DE DEPORTE INCLUSIVO
Hoxe o alumnado de 5º e 6º gozou dunha fantástica xornada en Lugo participando nunha actividade moi especial organizada pola asociación Enki.
venres, 6 de marzo de 2026
8M: OBRADOIRO DE CORRESPONSABILIDADE
Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o alumnado do centro participou nunha actividade moi especial titulada “Olimpiadas de corresponsabilidade”, organizada polo Centro de Información á Muller do Concello de Quiroga.
A través de diferentes xogos e dinámicas, os nenos e nenas reflexionaron sobre a importancia de compartir e colaborar nas tarefas do fogar, promovendo valores como a igualdade, o respecto e a corresponsabilidade no día a día.
Nesta xornada tamén contamos coa visita da concelleira de Igualdade, Mayte Pérez Grao, quen quixo acompañar ao alumnado durante a actividade.
Foi unha xornada participativa e moi enriquecedora que nos axuda a seguir educando en igualdade desde idades temperás. Moitas grazas ao Centro de Información á Muller do Concello de Quiroga, a Esther e a Marisa, pola súa implicación e por achegar esta iniciativa ao noso centro.
martes, 3 de marzo de 2026
OBRADOIRO: TECENDO MEMORIAS
Unha das finalidades coas que se creou o obradoiro “Tecendo Memorias” foi o da recuperación da memoria comunitaria e cultural a través das persoas que residen nas parroquias do Concello de Quiroga.
A maiores pretendíase poñer en coñecemento do alumnado do centro educativo algúns dos coñecementos recollidos no obradoiro a través da radio do colexio.
Esta última parte do proxecto púxose en marcha na tarde de onte, cando tres participantes no obradoiro, acompañadas da concelleira de Igualdade, Educación e Infancia, Maite Pérez Grao, participaron nun programa de radio entrevistadas por tres alumnas do centro educativo.
Os xogos, algo tan importante na infancia, foi un dos temas principais da entrevista. As convidadas contaron como foi a súa infancia, tan distinta da que están a vivir os nenos de agora, na que a imaxinación suplía os xoguetes, e na que os xogos grupais eran a maior diversión.


















.jpg)
