venres, 5 de xuño de 2026

luns, 1 de xuño de 2026

GALEMÉS: BOTAR A LINGUA FÓRA

Botamos a lingua fóra e bordámola de azul. Cada fío, cada puntada é a voz das nosas avoas, o son do mar, aterra que nos nomea e a identidade que levamos. Porque o galego non é so unha lingua, é a nosa raíz. Inspiradas no libro "Sacar a lingua fóra"é de mala educación"de Manuel Núñez Singala 
  

PROGRAMA DE RADIO: PONTE NAS ONDAS

O pasado venres día 22 de maio a clase de 5º de Primaria tivo o pracer de participar con Ponte nas Ondas e a Fundación Legar na elaboración dun programa de radio. Este programa, encadrado no Radio Visual do Patrimonio, estivo integrado por diferentes partes como unha entrevista ao alcalde de Quiroga, a Xabier Blanco… Foi gravado na Seara, no corazón do Caurel, e en concreto na Fundación Legar, un espazo único cheo de valor e tradicións.

Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora para o alumnado na que investigaron, crearon o programa e participaron na súa gravación.




luns, 25 de maio de 2026

GALEMÉS: CONSTRUCIÓN DE CABANAS DE VIMBIO

No marco do noso Galemés, participamos no obradoiro de construción de cabanas de vimbio impartido por Julia de la Cal e organizado dende a Biblioteca Creativa.
A actividade serviunos para achegarnos a artesanía tradicional, descubrir técnicas sostibles e poñer en valor o traballo artesanal como parte do noso patrimonio cultural.
Unha experiencia creativa, colaborativa e moi especial.










xoves, 21 de maio de 2026

ANIMACIÓN Á LECTURA CON ESTUDIO GNOMO

O alumnado de Educación Infantil e do primeiro ciclo de Primaria gozou dunha xornada moi especial da man de Estudio GNOMO, quen nos achegou ao marabilloso universo do seu conto “Pelo de nube”.

Ao longo do obradoiro, os nenos e nenas participaron activamente nunha experiencia chea de creatividade, emocións e aprendizaxes. A través da historia, descubriron unha mensaxe moi importante: todas as persoas somos diferentes, e precisamente esas diferenzas son as que nos fan únicos e especiais.

Pelo de nube” axudounos a reflexionar sobre o valor da diversidade, da empatía e do respecto polos demais, fomentando actitudes positivas cara ás distintas formas de ser, sentir e vivir. Ademais, o alumnado desfrutou compartindo ideas, expresións e sentimentos nun ambiente lúdico e participativo. Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que deixará unha pegada especial nos nosos pequenos e pequenas






martes, 12 de maio de 2026

O TEATRO DO GALEMÉS : O XEOPARQUE DO REVÉS

Seguimos celebrando o noso Galemés!

Esta vez cunha actividade moi especial: o teatro

O alumnado de segundo ciclo representará a obra inédita “O Xeoparque do revés”.

Ademais contaremos cuns invitados de luxo: a AV De Salcedo Eles/as seguen a manter vivo o teatro especialmente ligado ao entroido no seu concello.



venres, 8 de maio de 2026

SEMANA DO LIBRO: AS FAMILIAS CONTAN CONTOS

Voces que abrazan, historias que quedan para sempre en nós. Grazas ás familias por encher de palabras, imaxinación e cariño a nosa Semana do Libro.






mércores, 6 de maio de 2026

ALUMNAS DO COLEXIO PREMIADAS NO CONCURSO DE DEBUXO DO HOSPITAL DE MONFORTE

 Queremos felicitar ás nosas alumnas Vega de 4º de Primaria e Ainoa de 6º de Primaria polos excelentes resultados acadados no concurso de debuxo organizado polo Hospital de Monforte con motivo do seu 40 aniversario.

Vega acadou o 1º premio e Ainoa o 2º premio, neste concurso no que foron convidados a participar todos os colexios da área sanitaria.

Parabéns polo voso talento, esforzo e creatividade! Seguide así!




  



martes, 5 de maio de 2026

ALUMNA DE 5ª DE PRIMARIA PREMIADA NO CONCURSO DE RELATOS XOSÉ DE ARXERIZ

 Valentina Aguado, alumna de 5º de Primaria obtivo 2ºpremio no I Certame Literario Escolar "Xosé de Arxeriz", organizado polo Ecomuseo Pazo de Arxeriz e patrocinado pola Fundación Xosé Soto de Fión.

Este primeiro certame literario escolar ten como obxectivo fomentar a creatividade literaria en lingua galega e promover os valores culturais, etnográficos, históricos e ecolóxicos de Galicia.

Ao certame, dirixido ao alumnado do último ciclo de Educación Primaria (5 e 6º curso) e calquera ciclo da ESO nos centros educativos da comunidade autónoma de Galicia, presentáronse máis de 60 traballos dende 7 centros educativos.

Martiño e Uxía, dous heroes entre o lume”, foi a obra presentada por Valentina Aguado, á que o xurado lle ven de outorgar o segundo premio na categoría de 5º e 6º de primaria, dotado con 300 € e un diploma de finalista.

xoves, 23 de abril de 2026

DÍA DO LIBRO

Hoxe, alumnado e profesorado desprazámonos ata a Casa da Cultura convidados polo Concello para conmemorar o Día do Libro

Alí gozamos do espectáculo “Viaxa cos Libros”, unha proposta chea de maxia e imaxinación que fixo voar a nosa creatividade.

Os nenos e nenas desfrutaron moitísimo da experiencia. Sen dúbida, unha xornada para lembrar e seguir fomentando o amor pola lectura






mércores, 22 de abril de 2026

SAÍDA AO PASEO FLUVIAL

O xoves, día 16, gozamos dunha marabillosa excursión ao paseo fluvial de Quiroga xunto co noso alumnado de Educación Infantil.

Durante a mañá, os nenos e nenas puideron recoller flores, observar e apreciar a flora da zona, e conectar de maneira directa coa natureza, fomentando así o respecto e o coidado polo medio natural.

Para rematar, compartimos un agradable picnic ao aire libre, cheo de risas, xogos e bos momentos.

Foi unha mañá xenial que sen dúbida lembraremos con moito agarimo!

                                       






luns, 13 de abril de 2026

XEOPARQUE EN VERDE (CASI)

 Chegamos xa a recuperar virtualmente o 74% do noso Xeoparque en Verde.

Para isto tivemos unha chea de actividades relacionadas coa saúde, a educación ambiental, o patrimonio e o coñecemento do territorio.
Comeza a recta final cara o 100%!!!





RECOMENDACIÓNS LECTORAS 3º TRIMESTRE

martes, 7 de abril de 2026

OBRADOIRO DE DANZA TRADICIONAL CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

O pasado mes, da man de Branca Villares pasamos un ratiño aprendendo sobre danza tradicional desde unha perspectiva de xénero. Grazas á ANPA por ofrecernos esta oportunidade.




mércores, 1 de abril de 2026

CONTACONTOS: EREA MORA

 O pasado 27 de marzo, a biblioteca do noso colexio encheuse de maxia coa visita da actriz e contacontos Erea Mora

O alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria tivo a oportunidade de gozar dunha sesión chea de historias, imaxinación e emoción, na que a narración oral foi a gran protagonista.
Foi unha experiencia moi enriquecedora que espertou o gusto pola lectura e fixo voar a creatividade dos máis pequenos.
Moitas grazas, Erea, por compartir connosco o teu talento e facer da biblioteca un lugar aínda máis especial



venres, 27 de marzo de 2026

XEOMIRADOIROS E CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO RÍO SIL

 O pasado martes o alumnado de segundo ciclo disfrutou do bo tempo nunha xornada onde visitaron algúns dos xeomiradoiros do Concello de Ribas de Sil. Alí, acompañados de Roi Sampedro, descubriron a mirar máis aló da paisaxe a través da orografía, os asentamentos humanos e o curso dos ríos.

Tamén visitaron o Centro de Interpretación do río Sil en Torbeo.
Foi unha mañá moi produtiva onde tamén puidemos ver algúns dos efectos dos incendios na zona.
Tomaron boa nota de todo os nosos tres Galerreporteiros do día.







martes, 24 de marzo de 2026

DÍA DA POESÍA

 

Para finalizar o trimestre celebramos o Día da Poesía lendo algún dos poemas sobre temática ambiental e paisaxe premiados no noso concurso escolar “Un xeoparque en verde”. Aquí quedan algunha das imaxes dese evento.






luns, 9 de marzo de 2026

RADIO VOCES DAS MONTAÑAS: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

XORNADA DE DEPORTE INCLUSIVO

 Hoxe o alumnado de 5º e 6º gozou dunha fantástica xornada en Lugo participando nunha actividade moi especial organizada pola asociación Enki.

Ao longo do día tiveron a oportunidade de coñecer e probar distintos deportes e vehículos adaptados, achegándose así ao mundo do deporte inclusivo dunha forma práctica, divertida e moi enriquecedora.
Esta experiencia permitiulles comprender mellor a importancia da inclusión, da empatía e da igualdade de oportunidades, ademais de descubrir que o deporte é un espazo para todas as persoas.
Desde o centro queremos agradecer á asociación Enki o seu gran labor e por achegar ao noso alumnado valores tan importantes a través do deporte.
Unha xornada diferente, chea de aprendizaxe, compañeirismo e diversión!





venres, 6 de marzo de 2026

8M: OBRADOIRO DE CORRESPONSABILIDADE

 

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o alumnado do centro participou nunha actividade moi especial titulada “Olimpiadas de corresponsabilidade”, organizada polo Centro de Información á Muller do Concello de Quiroga.

A través de diferentes xogos e dinámicas, os nenos e nenas reflexionaron sobre a importancia de compartir e colaborar nas tarefas do fogar, promovendo valores como a igualdade, o respecto e a corresponsabilidade no día a día.

Nesta xornada tamén contamos coa visita da concelleira de Igualdade, Mayte Pérez Grao, quen quixo acompañar ao alumnado durante a actividade.

Foi unha xornada participativa e moi enriquecedora que nos axuda a seguir educando en igualdade desde idades temperás. Moitas grazas ao Centro de Información á Muller do Concello de Quiroga, a Esther e a Marisa, pola súa implicación e por achegar esta iniciativa ao noso centro.