xoves, 26 de outubro de 2017

24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS

O martes, día 24 de outubro, conmemoramos o Día das bibliotecas e aproveitamos para levar a cabo a formación de usuarios correspondente a este curso 2017-2018. As mestras e mestres do equipo de biblioteca proxectamos unha presentación de diapositivas aos cursos de primaria: que é unha biblioteca?, como se ordenan os libros nunha biblioteca?, como se interpreta a etiqueta dun libro?, a CDU, cales son as normas da biblioteca, como funciona o servizo de préstamo na biblioteca?... 
Tamén repartimos a credencial que elaboramos para sellar cada unha das etapas que imos facer ao longo do curso en relación ao PDI sobre o Camiño de inverno. Cada unha das actividades que se fagan será rexistrada co selo da biblioteca na credencial de cada alumno/a, co obxectivo de chegar a fin de curso con vinte actividades selladas e conseguir así ser expertos no Camiño de inverno. 




PRESENTACIÓN DO PDI: Todos os camiños levan a Santiago... tamén o de Inverno.

Este curso dende a biblioteca do colexio traballamos co PDI (proxecto documental integrado) “todos os camiños levan a Santiago... tamén o de inverno” con el pretendemos dar a coñecer e poñer en valor ante os nosos alumnos/as o Camiño de inverno, recoñecido oficialmente pola Xunta de Galicia o ano pasado. Pretendemos traballar especialmente o tramo do camiño que pasa polo noso concello. Como actividade de partida de dito proxecto contamos coa presenza de Ramón Vila, director dos museos de Quiroga, na nosa biblioteca. A través de tres relatorios, en días consecutivos, introduciu aos alumnos de primaria no tema: O camiño de inverno. Posteriormente a xefa de estudos do centro, Ana Isabel Santiso, presentou o camiño ao alumnado de educación infantil. Queremos dalas grazas a Ramón Vila pola súa amable colaboración co colexio siempre que llo temos pedido. Como sempre, foi un auténtico pracer escoitalo.








martes, 24 de outubro de 2017

INCORPORACIÓN DO CEIP DE QUIROGA AO PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares))

No CEIP de Quiroga celebramos a incorporación do noso centro ao PLAMBE (plan de mellora de bibliotecas escolares) nesta data tan sinalada. 24 de outubro: día das Bibliotecas.
Pinchando neste enlace podedes ver a resolución da convocatoria deste ano PLAMBE

venres, 6 de outubro de 2017

PDI: "Todos os camiños levan a Santiago... tamén o de Inverno"

Este curso o PDI xirará sobre o camiño de Inverno a Santiago, recentemente declarado camiño oficial. Deixamos máis información na seguinte ligazón: http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipquiroga/node/773