martes, 31 de outubro de 2023

DÍA DAS ESCRITORAS: PRESENTACIÓN DO LIBRO "UNHA ESTRELA PARA AMINA"

 Para conmemorar o Día das Escritoras (17 de outubro) visitou a biblioteca do centro a escritora Celia Díaz Núñez, que presentou ao alumnado de 5º e 6º de primaria a súa obra  "Unha estrela para Amina", que é un fermoso conto contado por unha boneca que conta o que nunca se conta o que nunca se contou. Fala desas guerras invisibles, desas persoa s que están refuxiadas e das que ninguén quere saber.

Celia Díaz Núñez naceu no Páramo (Lugo) `pero pasou toda a súa infancia e xuventude en Quiroga, onde aínda vive a súa familia. Desenvolveu a súa actividade docente en Ourense como profesora de ensino secundario e universitario.  

En Galaxia publicou na colección Literaria a novela Unha verdade amarga e o libro de relatos Corte e confección, e para o público xuvenil as novelas A boca do monte (colección Costa Oeste, finalista do Premio Frei Martín Sarmiento 2016), Rugando, o misterio do cuarto secreto (colección Costa Oeste, Premio Pura e Dora Vázquez 2012) e a obra teatral Unha estrela para Amina (colección Árbore, Premio O Facho de Teatro Infantil 2019).

Publicou ademais a novela xuvenil Adeliña (Premio Pura e Dora Vázquez, 2003) e as obras teatrais Cataventos e cía. (Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, 2004), O castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna (Premio O Facho de Teatro Infantil 2016) e Velaí vai o papaventos (2014).

É tamén autora do libro de pasatempos Restra de letras (2002), do ensaio literario Voces na terra (1995) e de materiais didácticos para a aprendizaxe da lingua galega.






Ningún comentario:

Publicar un comentario